top of page
Buscar

Tomás Rubio

  • Foto del escritor: Xantares da Morriña
    Xantares da Morriña
  • 15 dic 2019
  • 2 Min. de lectura

Historia dunha viaxe sen billete de volta



Tomás preparando un prato en "A Viaxe" (esquerda)


Nacido en Perú, Tomás Rubio sempre tivo esa espiniña polos fogóns. Estudou Dereito, mais nos últimos anos de carreira sentíase baleiro. A idea de ser cociñeiro estaba aí dende que tiña uso de razón. De feito, intentouse matricular nunha escola de cociña na súa cidade, pero o medo, tanto pola visión negativa deste oficio no país como pola opinión dos seus pais, fixo que, finalmente, Tomás renunciase a esta oportunidade. 



Por amor cruzou o charco e instalouse en Galicia “para empezar de cero”. Sen apenas coñecer o seu trazado, admite que o proceso de adaptación foi unha tarefa doada: “Me he dado cuenta de que la gente de aquí es un poco cerrada para relacionarse con alguien de fuera pero, una vez que entras en ese círculo, acabas sintiéndote como uno más”. O que máis lle gusta de Galicia é ese vínculo que nos une aos galegos, esa proximidade que, segundo el, xa non existe nas grandes cidades. Non obstante, Tomás non se esquece das súas raíces, ás que tan arraigado está. “Nunca perderé la esencia de dónde vengo” -declara- “nunca voy a olvidar que soy de Perú”. 



Agora leva case unha década na cidade de Compostela cociñando para o público galego. A Viaxe, o seu último proxecto, plasma unha cociña na que saen a flote as súas orixes elaborada con produtos galegos. Precisamente é esa fusión entre a comida peruana e a galega o que máis caracteriza ao restaurante de Tomás. Estas receitas baséanse en experiencias vividas, tanto por el como polo seu grupo de traballo: “Son vivencias de gente que hemos trabajado en distintos lugares”. E aínda que Galicia e Perú teñan culturas totalmente diferentes, o cociñeiro peruano recoñece que hai pratos moi semellantes. Compara os nosos callos coa patasca, que en lugar de botarlle garavanzos, emprega como ingrediente o mote, un tipo de millo de grande tamaño procedente dos Andes. “Se parecen mucho en el sabor especiado a comino”, relaciona. 



A música é un dos elementos que máis o mantén unido ao seu Perú. Cando non está de servizo, Tomás aproveita para escoitar cancións que o devolven aos anos en Sudamérica. Cada vez que ve unha noticia relacionada co seu país inmediatamente se teletransporta. Porén, ten claro que aínda lle quedan moitos anos convivindo con galegos: “Volveré allá para hacer alguna visita, pero de aquí no me muevo”. 

 
 
 

Comentarios


bottom of page