top of page
Buscar

Mª Ángeles Rial

  • Foto del escritor: Xantares da Morriña
    Xantares da Morriña
  • 15 dic 2019
  • 3 Min. de lectura

Historia dunha galega camuflada en Zúrich


O 12 de setembro de 1977 Mª Ángeles fixo as maletas e marchou para Zúrich, en Suíza. Entón, un cóctel de emocións invadiu o seu corpo. A tristura por abandonar a súa vila, pero tamén a ilusión por comezar unha nova vida. Cinco meses antes emigrara seu marido en busca dun traballo temporal. Lonxe de ser temporal, a estancia de ambos no país helvético prolongouse vinte anos. Os primeiros cinco foron moi duros para Mª Ángeles, xa que traballaba en condición de ilegal e o seu obxectivo principal era non ser descuberta e deportada pola policía. A discreción era imprescindible e ela foi moi coidadosa neste sentido. A mesma Ángeles afirma que “non existía nese país” ata que o seu marido obtivo a residencia. Así foi a vida dunha galega emigrada en Suiza cuxo nome non figuraba en ningunha parte.



Pregunta: Cando estabas alí sentías morriña? Que significa para ti esta palabra?


Resposta: A morriña é unha cousa que levan os galegos. Eu si que a sentía, porque son moi familiar, moi tradicional e, sobre todo cando estás lonxe, aprecias esas cousas que cando as tes a man non lles dás esa importancia. Tes momentos de moita tristura. Os primeiros anos foron para min moi duros, e máis vivindo a emigración dun xeito ilegal. Alí traballabas en casas privadas de xente famosa, con moito diñeiro, que sabía que eramos ilegais, pero que, igualmente, nos daba unha oportunidade. Por iso eu sempre dixen que o país é a miña segunda patria. Cheguei a apreciar a súa xente, a cultura, vivín feliz alí. Iso si, eu ao principio non axudei a ninguén por medo. Alí non sabías se alguén che estaba seguindo, a policía ía de camuflaxe no tranvía e no bus, por iso o máis seguro era non falar con ninguén nin dar datos comprometidos. Unha vez pasaron estes cinco anos, o meu marido, segundo establecían as leis suízas, podía pedir residencia. Unha vez que a obtivo solicitou o permiso para que eu puidera entrar. Realmente, non existín naquel país ata que collín a residencia e puiden traballar doutra maneira.



Mª Ángeles cos seus compañeiros de traballo en Zúrich

P: Cales son as maiores diferencias entre Galicia e Suiza?


R: Poderíase dicir que a cultura. Alí os inmigrantes teñen que adaptarse á cultura suiza, sobre todo no contexto laboral. Por exemplo, as mulleres árabes non poden estar co burka detrás do mostrador dun banco, deben seguir uns códigos, unhas vestimentas determinadas.


P: Que cousas che facían sentir galega cando vivías no estranxeiro? 


R: Eu galega sentinme sempre, española tamén. Daquela había centros sociais de españois onde a xente se reunía os fins de semana, sobre todo polo deporte. Recordo que por aquel entón o Dépor atravesaba un bo momento e estabamos todos os españois, e galegos sobre todo, nos locais vendo os partidos. Cando xogaba a selección tamén era impresionante. Cando estás fóra eu penso que todo o mundo busca o mesmo: un pouco de compañía, falar a mesma lingua que ti falas, esa morriña que acompaña aos galegos alí onde vaiamos.


P: Algunha destas cousas ou accións estaban vinculadas á gastronomía?


R: Neses locais sociais, ao ser españois, facían as comidas típicas de aquí, adaptándose á materia prima que había alí, claro. Non é o mesmo coller un polbo da Ría de Noia que comprar un polbo conxelado alá que pode ser de Francia, Marrocos ou de calquera outro país. Non é que non estea bo, pero non é o mesmo.   


P: Tiñas algún prato preferido cando eras pequena?


R: Si, a tortilla española. Tráeme moi bos recordos porque sempre lla facía aos meus pais cando viñan cansos de vender os berberechos. É un prato que nunca deixarei de saborear.



Ángeles cando tan só era unha nena

P: A gastronomía galega e a suiza son moi diferentes, pero hai algún prato galego que che lembre á cociña helvética?


R: Suiza é un país no que conviven varias culturas: a italiana, a francesa e a alemá. Eu vivín no cantón alemán de Zúrich e a cociña é moi diferente á nosa. Quizais a carne á brasa que fan alá recórdame ao churrasco. Aínda que a comida que fan está moi boa, creo que aos suizos lles gusta máis comer os nosos produtos.


P: Na túa vida abrázanse as culturas, nos teus pratos pódese saborear esa fusión?


R: Suizo non, aínda que alá utilizaba moito o aceto balsámico. Encántame ese vinagre. De feito, cando o coñecín, en España aínda non existía. O mesmo pasou coa mozzarela. Agora atopas todos os produtos, tanto de aquí como de alá, en todas partes debido á globalización.  

 
 
 

Entradas recientes

Ver todo

Comments


bottom of page