top of page
Buscar

Gloria Rodríguez

  • Foto del escritor: Xantares da Morriña
    Xantares da Morriña
  • 10 dic 2019
  • 3 Min. de lectura

Actualizado: 16 dic 2019

Historia dunha viaxe de sabores con tres paradas: Palencia, Alemaña e Galicia


Unha festa de aniversario no fogar alemán de Gloria (dta)

Gloria Rodríguez naceu en Autilla del Pino, un pequeno pobo de Palencia. Seus pais, quixeron buscar unha oportunidade mellor para ela e seus irmáns e marcharon a Alemaña, deixando ós cativos atrás. A pequena Gloria soñaba con que a familia se reunise de novo algún día, e cando cumpriu 12 anos foi feliz de viaxar ó país xermano. “Mis padres trabajaban en una fábrica de chocolate, ¡qué bueno estaba!” relata con entusiasmo, pois os doces eran un luxo para unha nena de posguerra. Sentiuse tan ben acollida que enseguida se adaptou, pese a botar de menos ós amigos que quedaran en España.



Unha festa con outros emigrantes españois


Botando unha ollada ó seu fogar alemán, apenas podería diferenciarse de calquera outro: unha casa con xardín, na contorna de Hamburgo. De portas cara dentro, a cociña ulía a cocido e a lentellas caseiras: “comíamos al estilo español, mi madre no sabía hacer otra cosa que lo que había aprendido aquí”, aclara. Un menú que conseguía transportar a todos de volta ó seu lugar de orixe, a momentos que nunca máis se repetirían: “en Castilla, el cocido se hacía al lado del fuego, con un puchero alto. Ese cocido una vez que nos hemos vuelto, ya no lo hemos comido nunca más”.


A tradición culinaria alemá, non era a preferida da nosa protagonista, con notables excepcións: “tampoco es que sea una gran gastronomía la que tienen, pero hablando de dulces, no los hay mejores”, e detalla as similitudes que atopa coa cociña galega: “En lo que se parecen mucho la gastronomía alemana y la gallega es en las patatas cocidas, allí también se comían patatas cocidas con todo”.



Ó pouco de casar Gloria e o seu marido viaxaron a Galicia de vacacións

Os anos pasaron e Gloria xa falaba alemán perfectamente, aínda que o seu grupo de amigos máis achegado pertencía á comunidade española no estranxeiro: “Cuando era moza había un centro español, allí nos juntábamos a bailar y había música española”, explica. Nunha das reunións habituais coñeceu a Manolo, un galego de Dozón (Pontevedra), que se convertería no seu marido ó cabo duns anos.


A parella aforrou durante un tempo e, cando puideron, volveron ó seu país de orixe. Gloria realizou a segunda migración da súa vida, da Alemaña que a viu medrar, á Galicia de finais dos anos 70. Para ela foi coma unha viaxe ó pasado, tivo que adaptarse a unha pequena casa de pedra na que non había baño, nin lavadora. Cada día baixaba a lavar a roupa ó lavadoiro, con dous meniños de teta ás costas.


En Autilla del Pino, Gloria, embarazada do seu primeiro fillo, comparte mesa con parte da familia



Neste novo período quixo aprender os costumes galegos e a súa gastronomía porque segundo ela explica: “si a la gente le gusta algo, hay que aprender cómo se hace, no soy una experta en cocina gallega, pero lo hago más o menos bien”. E aínda que a súa modestia lle impide recoñecelo, 40 anos en Galicia implican moitos xantares de práctica. Agora, algún dos seus pratos estrela son o polbo á feira, as ameixas á mariñeira ou o bacallau á galega, sen esquecer ó tradicional cocido galego que unha lalinense de adopción está obrigada a facer ben.


Cando bota a vista atrás, Gloria rememora os momentos no seu fogar de Hamburgo e a morriña golpéaa no sentido inverso. Quixera viaxar no tempo e volver ás sobremesas da fin de semana en Alemaña: “El domingo había paella, eso era sagrado, porque era el día que estábamos todos en casa”. Cando a nostalxia a asalta, compra algún doce de aqueles que tanto lle gustaban: “Algunas veces compro el Stolen, que es un pan de Navidad con pasas, o galletas de jengibre, porque me recuerdan como era aquello”, e con cada petisco, ese sabor da súa infancia enche de dozura o seu baleiro.

 
 
 

Comentários


bottom of page