Jara Zambrano
- Xantares da Morriña
- 10 dic 2019
- 3 Min. de lectura
Actualizado: 16 dic 2019
Unha historia de éxito no norte de Europa

Dende pequeniña, a Jara Zambrano sempre lle gustou debuxar. Da súa carpeta do instituto sobresaían ducias de papeis coloreados, óleos, acuarelas... bosquexos pintados coa delicadeza de quen se emociona creando. Aínda que por aquel entón ela non o sabía, o seu camiño xa estaba trazado coa tinta que desprenderan os seus rotuladores. Tiña que ser. Mais o talento non sempre leva parella á sorte, e así foi como Jara tivo que marchar na súa procura ó norte de Europa.
De longo pelo negro e ollada soñadora, Zambrano pertence a unha das últimas fornadas de emigrados galegos. A oportunidade de vivir no estranxeiro xurdiu cando lle ofreceron á súa parella un traballo en Polonia para unha gran empresa: “quería visitar outros países, quería probar a vivir noutros sitios. Eu era freelance así que pensei, por que non?”. A dureza do inverno en Cracovia e as tardes de noite pechada empuxaron a Jara a buscar un emprego que puidera estimular o seu día a día: “sentíame algo encerrada, así que busquei un traballo de ilustradora onde, ó fin, non me sentise tan soa e puidese aprender e medrar como artista”. Nesta nova etapa o seu talento foi recompensado e agora é directora artística dunha empresa de videoxogos.
O éxito laboral dos galegos na diáspora, sempre torna un pouco amargo cando lembran o que deixaron atrás: “teño moitísima morriña, boto de menos á miña familia e a vida que levaba antes de vir aquí. Aínda que pareza mentira, estraño tamén o clima porque Polonia é bastante extrema en inverno” e continua: “gustaríame volver a Galicia, se non é agora será nun futuro”. A falta dun teletransporte que a leve instantaneamente de volta cos seus, Zambrano utiliza pequenos recursos que a conectan coa súa terra: “intentei facer a cacharela de San Xoán. Aquí teñen unha especie de tradición, levan flores ao río e danzan ao redor dunha fogueira e ofrecen froita e outras cousas é un costume moi parecido”.
Outro xeito de manter e espallar a súa cultura é a través da gastronomía: “intento facer algúns pratos e incluso levalos ó traballo para que os meus compañeiros os proben. Están tolos por eles, o que máis lles gusta é a tortilla de patacas. Cada vez que hai un aniversario na oficina, en vez de tarta, chego eu cunha tortilla e a persoa que cumpre anos está contenta. No meu equipo xa é tradición que leve unha tortilla cada vez que algo pasa”.

Nas lembranzas do que deixamos atrás, sempre hai recordos de mesa. Para Jara os recordos proveñen das ceas en familia: “acórdanme as risas e pasar un moi bo momento. Sentabamos todos arredor e contabamos que tal o día. Chegas cansada á mesa a contar historias e tes unha bobeira tola. Non podes parar de rir, non podes parar de dicir tonterías”. Na súa cociña, en Cracovia, o sorriso pono ela mentres explica as dificultades para adquirir produto galego. Relata que pese a todo “o raxo con patacas” nunca pode faltar no seu menú e que o tubérculo estrela da gastronomía galaica é tamén o grandes éxitos da cociña polaca.
As viaxes polo mundo educaron o seu padal a novos sabores. Agora, o sinxelo peixe que lle cociñaba a súa nai cando era pequena compite con exquisitos pratos de natureza exótica: “nesta cidade podes ir a casa dunha coreana que che cociñe, podes ir a un restaurante tailandés, hai unha morea de lugares para visitar. Gústanme moitos diferentes”. Cracovia, como calquera gran cidade do planeta, é un crisol de culturas que loitan por manterse vivas nun territorio estraño. Os emigrantes, transmiten aquilo que aprenderon na vida, os seus ritos, as súas receitas. Na súa comida, hai máis lecturas que o sabor, a identidade é o condimento do guiso. A cociña de Jara sabe a Galicia, a risas e a lápices de cores.
Comments